
Plácido Castro
(Corcubión, 1902 – Cambados, 1967)
Fillo dunha familia culta e acomodada, Plácido Castro marchou aínda en plena infancia a Glasgow, para comezar a súa formación no colexio Scarborough. Nesta cidade realiza os estudos de Filoloxía inglesa e adquire unha sólida formación académica e política e estabelece contactos coa intelectualidade das Illas Británicas, que se reflicte na tradución para o galego da súa obra poética, especialmente aquelas nas que expresan un maior sentimento celta.
Membro do Glasgow University Liberal Club, da Society of Foreign Journalist, da The Foreign Press Association in London e mais do Royal Court Theatre of London, asistiu a unha conferencia de Chesterton, co que inicia a aproximación a un autor que o marcaría fondamente, do mesmo xeito ca W. B. Yeats, do que traduciría pezas dramáticas; así mesmo, traduciu para o inglés a obra Almas brujas , de Manuel Linares Rivas, que chegaría a se representar en Londres.
Fortemente marcado pola formación saxona, entende o nacionalismo como forma de progreso, sobre a base do amor ao propio, e a integración co alleo.
Colaborador en El Pueblo gallego e na revista Céltiga , entende a saudade como un elemento vertebrador da nación celta, e considera o celtismo un fenómeno comparábel á cultura grega, polo que defende abertamente a súa recuperación.
No 1934, como membro máis votado da III asemblea do Partido Galeguista, encárgase das relacións internacionais; así mesmo, participa nas xuntanzas de Galeuzca en Compostela. Ao ano seguinte resulta elixido presidente das Irmandades da Fala, entre outros fitos importantes do seu compromiso galeguista.
No 1940 recibe unha condena a 15 anos de inhabilitación absoluta, desterro e aboamento dunha multa de 25000 pesetas.
No 1948 exíliase en Portugal; o ano seguinte trasládase a Londres, onde colabora na BBC.
No 1956 regresa definitivamente a Galicia e ingresa como profesor de Inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía de Arousa.
Até a súa morte, continúa a colaboración na prensa e a participación en actos culturais de relevo internacional.
|